A primeira referencia documental á finca aparece en 1876, cando figuraba como «quinta sita en Fonte o Freixeiro» e pertencía a Eloy Rodríguez Abeleira, quen a herdara da súa nai, Ana Abeleira. Rodríguez Abeleira formaba parte da burguesía viguesa e estaba relacionado coa compravenda de propiedades na contorna de Vigo e Redondela. En 1879, a finca pasou ao seu fillo Enrique Rodríguez Cabrera, oficial da Mariña, con motivo do seu matrimonio con Antonia Pequeño. A parella trasladouse entón á quinta, que daquela ocupaba case 30.000 metros cadrados. A morte de Enrique, en 1894, deixou a Antonia, con 31 anos, como propietaria da finca, onde residiu ata o seu falecemento en 1950, acompañada polas súas criadas e sen volver casar nin ter descendencia. Posteriormente, a propiedade pasou a Máximo Rodríguez Martínez, sobriño da criada Enriqueta e fillo adoptivo de Antonia; foi a súa esposa, Soledad Plana Rivero, quen lle deu o nome de Villa Solita. Na década de 1960, a finca foi adquirida por un promotor inmobiliario José Espiña Muradás, que inicialmente pretendía establecer nela a súa residencia, pero finalmente integrouna nun proxecto de urbanización que se executou décadas despois. A parcela correspondente ás instalacións da vila foi cedida ao Concello de Vigo para uso público que impulsou a súa recuperación. A rehabilitación, rematada en 2019, optou por conservar os elementos principais das ruínas, especialmente os muros e os arcos, e incorporou unha pasarela metálica ao conxunto. Deste xeito, Villa Solita converteuse nun espazo cultural ao aire libre, onde se desenvolven actividades como concertos, conferencias e observacións astronómicas, mantendo así unha parte da memoria histórica e patrimonial de Alcabre.
Voltar
Espazo Villa Solita
Camino Freixeiro 14, 36212, Vigo Tipo: Espazo de eventos
Villa Solita é unha antiga casa señorial situada no barrio vigués de Alcabre, vinculada á burguesía local de finais do século XIX

Curiosidades solita
Curiosidades Solita é un proxecto cultural que se desenvolve os venres de xullo e agosto no que a protagonista é a música en directo de pequeno formato, nun enclave, Villa Solita, rehabilitado polo concello de Vigo para recuperar unha parte do noso patrimonio e historia da cidade e convertelo nun espazo de encontro de actividades culturais e artísticas.
Mantente informado
